A XIII Subida a Taboada abrirá o calendario do Campionato Galego de Montaña do 25 ao 26 de abril

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a celebración da XIII Subida a Taboada, que terá lugar os días 25 e 26 de abril e que abrirá o calendario do Campionato Galego de Montaña. A proba, organizada pola Escudería Taboada en colaboración co Concello, manterá o seu trazado habitual nun treito da estrada LU-611, con saída no Cruce das Seixas e chegada en Taboada, onde os pilotos deberán completar catro pasadas cronometradas.
A presentación do evento contou coa participación do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, quen destacou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación coa proba” e puxo en valor “o traballo realizado desde a Escudería Taboada e desde a área de Deportes do Concello de Taboada para recuperar esta Subida e a aposta por afondar na implicación da veciñanza na carreira”.
Máis alá do ámbito deportivo, a organización quixo reforzar o carácter social da cita con distintas iniciativas. Entre elas, o cartel desta edición foi deseñado por dúas alumnas do CPI San Tomé do Carballo, e tamén se promove a colaboración co proxecto RevÉLAte, centrado na sensibilización sobre a Esclerose Lateral Amiotrófica.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Cultura e Medio Rural de Taboada, Manuel Diéguez, subliñou que “a Subida se converteu nunha cita ineludibel no noso calendario deportivo” e destacou que “pona Taboada no mapa do deporte galego”. Ademais, confirmou que o Concello asumirá o custo das inscricións dos pilotos da Escudería Taboada.
Este apoio institucional enmárcase na liña de colaboración da Vicepresidencia da Deputación co automobilismo na provincia, que inclúe achegas a probas de rally e montaña, así como unha convocatoria específica de subvencións para pilotos, dotada con 45.000 euros e que será publicada proximamente no Boletín Oficial da Provincia.