A XII Carreira Popular de Taboada reunirá centos de deportistas o 27 de setembro

RibeiraSacraXa
O evento inclúe probas de marcha nórdica, carreira absoluta e categorías escolares, ademais de degustación gratuíta de produtos locais
XII-Carreira-Popular-de-Taboada-2025
23 Jul 2025

O Concello de Taboada prepara unha nova edición da súa emblemática Carreira Popular, que este ano alcanza a súa décimo segunda edición e terá lugar o sábado 27 de setembro. Organizada pola Asociación Cultural O Carballo, a proba integrase no XI Circuíto Miño Ulla de Carreiras Populares e tamén servirá como escenario da primeira proba da Liga Galega de Marcha Nórdica.

A cita deportiva dará comezo ás 17:40 horas coa saída da marcha nórdica, que cubrirá un percorrido de dez quilómetros. Ás 18:00 horas será a quenda da carreira absoluta, tamén cun percorrido de 10.000 metros, mentres que de forma simultánea disputarase unha carreira alternativa de 5 quilómetros para aqueles participantes que prefiran unha distancia máis curta. Finalmente, a partir das 19:30 horas celebraranse as carreiras dirixidas ás categorías escolares, con distancias adaptadas desde 100 metros ata 1.500 metros, dependendo da idade do alumnado participante.

Ademais do aspecto competitivo, a organización quere destacar o carácter festivo da xornada, con agasallos ecolóxicos para todos os inscritos e degustación gratuíta de produtos típicos da zona. Desde o Concello animan á veciñanza a inscribirse e participar nun evento que cada ano reúne a deportistas de todas as idades e fomenta o deporte ao aire libre.

As inscricións poden realizarse a través da web www.championchipnorte.com ata o 25 de setembro. Toda a información está dispoñible tamén nas redes sociais da organización.

⚙ Configurar cookies
0.65304207801819