A XII Carreira Popular de Monforte 2022 terá lugar o 3 de abril

RibeiraSacraXa
La XII Carrera Popular de Monforte de Lemos tendrá lugar el próximo día 3 de abril y ya se pueden realizar las inscripciones.
Cartel Carreira Popular Monforte 2022
22 Feb 2022

A edición número 12 da carreira popular de Monforte terá lugar o próximo 3 de abril e xa está aberta a inscrición.

Tratase da edición número 12 deste xa tradicional evento deportivo na cidade, logo de que a pandemia do COVID-19 obrigara a suspender a edición do ano 2020, a unha semana da súa celebración, e non permitira a súa organización no ano 2021.

Neste senso, o rexedor monfortino subliñou que “seguimos adiante coa organización do que é un dos eventos deportivos máis importantes do noso Concello, e celebrarémola, se as circunstancias sanitarias nolo permiten, co obxectivo de ir recuperando a normalidade no calendario de actividades anuais do Concello, despois do parón a consecuencia da pandemia da COVID-19”.

O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido de 10 km para a carreira absoluta, completamente urbano e que transcorrerá polas rúas máis céntricas da cidade, así como percorridos para as carreiras de categorías menores de diferentes distancias en función da idade das persoas participantes.

Instrucións para formalizar a inscrición
Todas as persoas interesadas en inscribirse no evento poderano facer, de xeito totalmente gratuíto, a partir do martes 22 de febreiro a través da páxina web www.monforte10k.com ou da plataforma de inscricións www.ccnorte.com.

É precisamente a estrea da páxina web www.monforte10k.com unha das novidades na edición da carreira popular deste ano. Trátase dun espazo específico que ademais de conter toda a información do evento e poder realizar as inscricións nel, pódese consultar información de edicións anteriores (inscritos, resultados e clasificacións, fotografías e vídeos, etc.

Diferentes probas
O evento contará cunha carreira absoluta de 10.000 metros cun percorrido completamente urbano, e catro probas de menores, de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía ó carón dos Escolapios.

O percorrido da carreira absoluta será o seguinte: Saída da Praza da Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.

Trátase dun percorrido de 5 km. ó que os participantes terán que dar dúas voltas.

Todas as carreiras, incluídas as carreiras de categorías menores, contarán cun sistema de cronometraxe con chip, a excepción da carreira de categoría mini que non é competitiva.

Premios
Haberá premios por categorías cun trofeo conmemorativo do evento ós/ás tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías excepto na categoría mini na que todos/as os/as participantes que crucen a liña de meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambetadas.

Premios clasificación xeral: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán trofeo.

Premios económicos: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán premio económico segundo as seguintes cantidades, o primeiro clasificado recibirá 300 euros, o segundo 200 e o terceiro 100 euros.

Haberá premio especial de trofeo e agasallo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as locais (empadroados/as en Monforte). Tamén recibirán trofeo os tres mellores equipos clasificados na carreira absoluta. Estes equipos deberán ser obrigatoriamente mixtos (50% homes e 50% mulleres) e estarán compostos por un mínimo de 4 compoñentes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de 6 compoñentes (tres homes e tres mulleres).

Todos/as os/as participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ó finalizar a carreira así como un agasallo conmemorativo do evento.

Inscricións colectivas para colexios de Monforte
Os centros educativos de Monforte teñen a opción de realizar a inscrición colectiva ata o martes 22 de marzo. Deste xeito o Concello entregará os dorsais dos alumnos participantes ó centro educativo con antelación.

Para evitar masificacións o día da carreira, a entrega de dorsais dos/das atletas que se inscriban de xeito individual, realizarase por adiantado na oficina municipal de deportes (Casiñas da Compañía) o venres 1 de abril de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado 2 de abril de 9.00 a 14.00 horas.

Haberá 6 puntos de recollida fora de Monforte e espallados polas catro provincias para facilitar a recollida do dorsal a todas as persoas participantes que non vivan en Monforte.

Pódese solicitar o envío do dorsal a domicilio. Será necesario indicar o punto de recollida do dorsal durante o procedemento de inscrición.

Protocolo COVID-19
En función da situación sanitaria existente o día do evento o Concello de Monforte deseñará un protocolo específico para que o evento sexa totalmente seguro, tanto para as persoas participantes como para o público asistente, tendo en conta tanto a normativa sanitaria vixente o día da carreira como o protocolo FISICOVID – DXT GALEGO específico para probas atléticas.

0.18545794487