A XII Carreira entre Pazos e Carballos chega este sábado a Taboada

Este sábado 27 de setembro, celebrarase en Taboada a XII edición da Carreira entre Pazos e Carballos, unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego que xunta deporte, o patrimonio e medio ambiente. A cita continúa a medrar edición tras edición, consolidándose como referente deportivo e cultural que promove tanto a actividade física como a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico da Ribeira Sacra.
O evento está coorganizado pola Asociación Cultural e Deportiva O Carballo e o GDR-Miño Ulla e traerá un ano máis á Ribeira Sacra a destacadas figuras do deporte galego e mesmo do panorama estatal. Preto de 400 deportistas competirán nesta ocasión nas disciplinas de carreira a pé de 10 km e 5 km, así como nas diferentes distancias correspondentes ás categorías infantís.
Como novidade, a edición deste ano contará coa incorporación da Marcha Nórdica, que se presenta dentro da Liga Galega de Marcha Nórdica da Federación Galega de Montañismo. Esta modalidade reunirá a case 80 participantes chegados non só de Galicia, senón tamén do País Vasco, da Comunidade Valenciana, de Tenerife e de Cataluña, reforzando así o carácter aberto e integrador da proba, salientan os organizadores.
A cita dará comezo ás 17:40 horas e será unha auténtica “festa do deporte”.