A voz dos alcaldes: Pedro Yáñez, rexedor de Manzaneda

RibeiraSacraXa
Pedro Yáñez goberna en Manzaneda desde novembro de 2025 tras saír adiante a moión presentada polo PP contra o entón rexedor, Amble González, asumindo a alcaldía coa vista posta en fixar poboación e sanear as contas do Concello
pedro-yañez-alcalde-manzaneda
5 Apr 2026

Pedro Yáñez (PP), gandeiro de profesión, goberna en Manzaneda dende finais do pasado mes de novembro tras saír adiante unha moción de censura contra o ata entón alcalde, Amable Fernández (PSOE). Yáñez chegou á alcaldía coa vista posta no reto de frear o despoboamento, mellorar os servizos e poñer en valor o potencial económico e turístico da zona.

Explíquenos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido.

Empecei hai aproximadamente 20 anos en Novas Xeracións, na época de José Hervella na alcaldía. Ao principio foi como un hobby, a min sempre me gustou falar de política. A outros gústalles falar de fútbol ou baloncesto, a min gustábame a política.

¿Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Presenteime en 2019 como candidato. Xa estivera outras veces nas listas, pero nunca me plantexara chegar a ser candidato. Sempre estiven moi ligado a Manzaneda, hai anos asumín a explotación de vacas rubias galegas dos meus pais e vivo aquí. Movéronme as necesidades e carencias que tiña o concello. Por axudar, por vivir aquí, acabei por presentarme.

A nivel persoal, ¿que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Supón moitos sacrificios porque quita moito tempo. Ao final, como coñeces a todo o mundo, sábeche mal dicirlle que non á xente. Perdes tempo coa familia, pero é cuestión de compatibilizalo. Sumando as horas da noite aos días, ao final fanse máis longos se te organizas.

¿E beneficios?

Facer cousas pola túa xente e polo teu pobo. Penso que é algo que todo o mundo debería experimentar. Cando consegues cousas, é moi satisfactorio a nivel persoal. Cando a xente che agradece o teu traballo, é moi gratificante.

¿Como equilibra a vida pública e a privada?

Ben, ao vivir aquí non teño tanto problema. Ao final, é un pobo de 760 censados, vivindo son menos. Aquí coñecémonos todos e, ao final, a vida pública e a persoal acaban sendo a mesma.

¿Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Frear o declive de poboación que temos en Manzaneda, cada vez somos menos habitantes. Tamén, economicamente, este concello é bastante solvente, pero estamos afogados por varias cuestións. Coa axuda das administracións e con novas ideas e traballo, pensando no futuro, creo que se pode reverter. Ao final creo que hai que pensar máis a longo prazo, no que queres que sexa o concello dentro de 10 anos. En catro meses pouco puiden cambiar, pero teño a vista posta no futuro.

E se se renova na Alcaldía, ¿cales son as principais actuacións previstas?

Conseguir financiamento, sanear as contas... Tamén ver como xestionar a residencia, intentar que o Concello non teña que afrontar ese gasto sen axuda, que a Xunta nos axude para poder ter máis persoal pero sen que o Concello asuma todos eses gastos. Tamén de cara á agricultura precisamos mellorar cousas porque estamos baixando o número de cabezas de gando, o ovino practicamente está desaparecendo... Temos un monte comunal que xa quixeran outros concellos e temos moito potencial. E, por suposto, mellorar os accesos. Tanto a nivel industrial como turístico, son imprescindibles. Temos que darlle tamén un impulso ao turismo máis alá da estación, que todo o mundo a coñece, pero Manzaneda é moito máis. Temos que dar a coñecer as aldeas, os monumentos que temos, crear máis áreas recreativas para que a xente veña de fin de semana. En definitiva, precisamos promocionarnos e darnos a coñecer.

¿Cales son as principais liñas do seu programa?

Coidar das infraestruturas, os accesos e a economía, sanear as contas do Concello e, a nivel turístico e gandeiro, darlle un pulo e aproveitar o noso potencial.

¿Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Economicamente precisamos máis solvencia para poder coidar os pobos a nivel de infraestruturas. En saneamento, por exemplo, temos moitos problemas. Ademais, temos que dar oportunidades de traballo, que a xente regrese e, unha vez máis, precisamos mellorar os accesos.

¿De que proxectos se sente máis orgulloso?

Levo pouco tempo pero estamos moi ilusionados con varios proxectos. Por exemplo, queremos facer un punto de recarga eléctrico, modernizarnos un pouco, arranxar estradas, facer un parque multiaventura no colexio, máis espazos de lecer, renovar os sistemas de abastecemento... Moitas cousas.

¿Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Que me coñezan realmente, que vexan que aquí tratamos ben a todos.

¿Como é a súa relación coa oposición?

Boa. Xa o era cando estabamos na oposición. Si que houbo un momento máis tenso polo tema da moción. Como é lóxico, non gustou no seu momento, pero unha vez se enfriaron os ánimos a relación é boa, cordial, como antes.


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade: 41
  • Estado civil: Casado.
  • Profesión: Gandeiro.
  • Formación: Estudei Enxeñaría Civil na Universidade da Coruña.
  • Se non fose gandeiro, ¿que lle gustaría ser? Sempre me gustaron os traballos ao aire libre, non sabería dicir, sempre quixen ser gandeiro
  • ¿Que quería ser de maior? O que son: gandeiro. Sempre me gustou o meu pobo e o gando.
  • ¿Que fai para desconectar? Saio polo pobo pola noite, cando ninguén fai preguntas de alcalde, e desconecto falando de tractores, vacas e do pobo en xeral.
  • Unha virtude: A paciencia.
  • Un defecto: Terei moitos seguramente.
  • Un consello para compartir: Hai que dar menos importancia ás cousas que non a teñen e si ás que son máis importantes no día a día.
  • Un libro: Cien años de soledad.
  • Unha película: Guardianes da Galaxia ou calquera de Marvel.
  • Un grupo de música: Manolo García.
  • Unha afección: Son moi manitas, gústame a mecánica.
  • Un lugar que visitar: Manzaneda.
  • Unha comida: Un chuletón de vaca galega.
  • E unha bebida: Estrella Galicia.
  • Unha persoa admirada: Meu tío.
  • Unha posesión prezada: As miñas vacas.
  • Un desexo: Que dentro de 10 anos Manzaneda siga tendo nenos no colexio.
  • Algo para esquecer: Calquera mal rato.
  • ¿Que é o que máis valora nunha persoa? A sinceridade.
  • Un desafío pendente: Sanear as contas do Concello.
  • ¿Onde se ve en cinco anos? Imaxíname aquí no Concello para poder ter máis tempo de cumprir os nosos proxectos.
0.1177339553833