A voceira de Pacto Frente Eólicos presenta unha reclamación contra o Concello do Saviñao na Comisión de Transparencia de Galicia

A fundadora e voceira da organización Pacto Frente Eólicos, Raquel Fernández, veciña do Saviñao, vén de presentar unha reclamación ante a Comisión de Transparencia de Galicia. A iniciativa responde ao que a reclamante considera un “incumprimento lexislativo” por parte do Concello de O Saviñao en materia de acceso á información pública.
Segundo sinala Fernández, a presentación da reclamación prodúcese tras constatar dificultades para acceder á información sobre proxectos industriais e obras de infraestruturas públicas no municipio. Asegura que non existe información dispoñible na carpeta de transparencia municipal e que tampouco foi posible obter datos mediante consulta directa ao consistorio.
A reclamación denuncia tamén a falta de exposición pública de proxectos e de documentación relativa a obras en execución, o que, segundo a voceira, impide á veciñanza exercer o seu dereito a presentar alegacións e realizar o control da actividade pública. Neste sentido, sostén que esta situación afecta aos dereitos de información da cidadanía.
Entre os exemplos mencionados figura a recente inauguración dunha planta de biogás na parroquia de Vilatán, situada nas instalacións dunha empresa leiteira e próxima ao río Pesqueiras, así como a vivendas e ao núcleo poboacional da zona. A reclamante indica que este proxecto non foi exposto publicamente para posibles alegacións. Ademais, denuncia a ausencia de orzamentos públicos accesibles na carpeta de transparencia municipal e a falta de información sobre o remanente desde o ano 2023.
Fernández considera que estas carencias supoñen unha vulneración de varias normas e dereitos da veciñanza, entre eles o acceso á información pública e o control do gasto. A información da reclamación xa foi trasladada a agrupacións e asociacións veciñais coas que, segundo indica, se comparte habitualmente este tipo de contidos.