A viticultora Quiroguesa, Emilia Sandra González, candidata aos Premios Muller Rural de Galicia 2026

RibeiraSacraXa
Emilia Sandra González foi incluída entre as nove aspirantes da categoría de Muller e Sector Primario, xunto con outras profesionais vinculadas ao traballo no campo
emilia-sandra-gonzalez
6 Feb 2026

A viticultora quiroguesa Emilia Sandra González foi seleccionada como candidata aos Premios Muller Rural de Galicia 2026, uns galardóns que se entregarán no marco do Congreso da Muller Rural, previsto para os días 20, 21 e 22 de febreiro en San Xoán de Río.

Estes premios teñen como finalidade recoñecer o traballo, a traxectoria e o impacto de mulleres que contribúen activamente ao desenvolvemento e á dinamización do medio rural galego desde ámbitos moi diversos, como o sector primario, o emprendemento, a acción social, a comunicación, a investigación ou a xestión institucional.

O certame estrutúrase en seis categorías: Alcaldesa Rural, Emprendemento Rural Feminino, Muller e Sector Primario, Impacto Social e Colaboración Rural, Muller Rural e Visibilidade, e Ciencia, Formación e Investigación Rural, co obxectivo de reflectir a diversidade de realidades e perfís que sosteñen o rural galego.

Nesta edición presentáronse máis de oitenta candidaturas procedentes de toda Galicia. Tras un proceso de validación técnica, Emilia Sandra González foi incluída entre as nove aspirantes da categoría de Muller e Sector Primario, xunto con outras profesionais vinculadas ao traballo no campo.

Unha vez superada esta fase, o proceso atópase agora na etapa de votación pública en liña, aberta ata o 15 de febreiro a través da páxina web oficial dos premios. A participación cidadá servirá para elixir ás tres finalistas de cada categoría. Posteriormente, un xurado profesional e independente será o encargado de determinar as gañadoras definitivas.

Os Premios Muller Rural de Galicia teñen carácter honorífico e contan co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, así como doutras entidades comprometidas coa loita contra o despoboamento e o impulso do rural.

⚙ Configurar cookies
0.077447175979614