'A Virxe Roxa' este xoves 21 na casa da cultura da Pobra de Brollón
Este xoves proxéctase na Pobra do Brollón A Virxe Roxa, a película dirixida por Marcos Nine e gañadora do premio a mellor documental nos XX Mestre Mateo.
A proxección é a segunda das oito programadas dentro do Ciclo Mestre Mateo, que pretende levar o máis destacado do audiovisual galego actual ás vilas galegas.
O programa é impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da vicepresidencia da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello da Pobra do Brollón.
O filme A Virxe Roxa xira arredor dun suceso que conmocionou a España dos anos 30, ás portas da Guerra Civil, cando Aurora RodrÍguez Carballeira acaba coa vida da súa propia filla de 18 anos. A moza era Hildegart Rodríguez, unha nena prodixio da política, unha precoz intelectual e pioneira do feminismo en España.
A proxección será este xoves 21 ás 20:15 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ da Pobra do Brollón. O acceso é de balde.