A VIII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga adiántase ao 15 de marzo

RibeiraSacraXa
O prazo para anotarse estará aberto ata o 10 de marzo
Cantos-de-Taberna-Quiroga-2
Cantos de Taberna de Quiroga
3 Feb 2025

A VIII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga adiántase ao 15 de marzo, en lugar do 22 de marzo, cando inicialmente estaba prevista a celebración.

O Concello de Quiroga ten aberto o prazo para participar neste festival de música tradicional. Os grupos interesados pódense anotar gratuitamente na Casa da Cultura antes do 10 de marzo.

Para que se leve a cabo esta actividade precísase un mínimo de seis grupos musicais e un máximo de doce, contando cada grupo cun mínimo de cinco integrantes.

Entregaranse 150 euros a cada grupo participante para que gaste nos establecementos aos que acuda, os establecementos participantes pola súa banda, comprométense a ter a disposición dos grupos tapas ou pinchos.

Está previsto que antes do comezo se reúnan os grupos participantes para darlles o itinerario do recorrido, a actuación en cada establecemento roldará a media hora cun repertorio de libre escolla, preferentemente con temas populares e tradicionais.

As actuacións comezarán a partir das seis e media da tarde aproximadamente, para rematar cunha gran foliada de todas as agrupacións xuntas na zona da praza da rúa Lago.

0.16666507720947