A VIII Cea da Sororidade reuniu en Quiroga a máis dun centenar de mulleres

Co gallo do Día Internacional da Muller, a Concellería de Igualdade e o CIM de Quiroga organizaron diversas actividades gratuítas centradas no benestar e o autocoidado, ademais da VIII Cea da Sororidade, que reuniu a máis dun cento de mulleres da comarca.
Durante a tarde do venres e a xornada do sábado, leváronse a cabo distintas propostas con gran acollida, entre elas o taller “Círculo de Benestar”, un obradoiro de mandalas, danzas meditativas, a actividade “Espazo Corazón: conecta contigo” e unha sesión de risoterapia.
O evento principal foi a VIII Cea da Sororidade, na que a concelleira de Igualdade, Maite Pérez, xunto coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, e a concelleira de Igualdade de Ribas de Sil, Rosi Quiñones, leron un manifesto destacando a importancia deste día como símbolo de loita pola igualdade e polos dereitos das mulleres.
O encontro celebrouse no restaurante Chapakuña a partir das nove e media da noite, cunha asistencia de 120 mulleres que gozaron dunha velada chea de compañeirismo e complicidade. A noite pechouse cun sorteo de agasallos doados por distintos comercios e empresas da comarca.