A Vicepresidencia da Deputación inviste 48.000 euros para mellorar o acceso a Revide e A Toca, en Quiroga

RibeiraSacraXa
As actuacións centraranse na renovación do pavimento actual e na substitución dun tramo de canal para auga de rega
daniel-garcia-mellora-accesos-a-toca-quiroga
6 Nov 2025

A Vicepresidencia da Deputación financiará as melloras no acceso aos núcleos de Revide e A Toca, no concello de Quiroga, a través dun convenio de colaboración co Concello polo que a insitución investirá 48.000 euros para acometer estes traballos.

As actuacións centraranse na renovación do pavimento actual, que presenta un deterioro importante, e aproveitarase tamén para substituir un tramo de canal para auga de rega.

O deputado provincial, Daniel García, acompañado polos concelleiros de Participación Social, Servizos Sociais e Normalización Lingüística Xosé Manuel Fernández e de Medio Rural e Medio Ambiente Luis Arias, destacou durante unha visita ao lugar o dinamismo destes núcleos con practicamente todas as vivendas habitadas e varios proxectos de rehabilitación de inmobles en marcha.

“Desde a área de Medio Rural estamos a facer un esforzo por colaborar na mellora das infraestruturas das zonas rurais, xa que somos conscientes das limitacións orzamentarias dos concellos para atender o mantemento da rede viaria, máis no caso de municipios tan extensos como Quiroga”, sinalou García, que explicou tamén que este convenio de colaboración para o arranxo desta pista reforza o apoio da institución provincial ao concello quirogués, que conta cunha asignación de 350.000 euros do Plan Deputación.

⚙ Configurar cookies
0.069486141204834