A Vicepresidencia da Deputación informará en Quiroga sobre as axudas á gandería extensiva

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo realizará o próximo mércores 24 de setembro en Quiroga unha sesión informativa sobre o programa de axudas á gandería extensiva “O que non arde”. Esta reunión forma parte dunha serie de encontros que a Deputación está a desenvolver en distintas localidades da provincia.
O acto terá lugar na Casa da Cultura ás 19:30 horas e contará coa presenza de persoal técnico que explicará os requisitos e a documentación necesaria para solicitar estas axudas. Están dirixidas a explotacións de cabalar, ovino, caprino e porcino.
O programa “O que non arde” financia investimentos e gastos relacionados coa xestión e alimentación do gando en sistemas extensivos. As solicitudes poden presentarse desde o 2 de setembro e o prazo permanecerá aberto ata o 29 de setembro a través da web da Deputación de Lugo.