A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destaca a importancia da gandería extensiva nunha xornada en Chantada

RibeiraSacraXa
Efrén Castro participou este xoves nunha xornada organizada pola Rede PAC en Chantada que reuniu a gandeiros, investigadoras e técnicos para falar sobre o manexo sostible do pastoreo
efren-castro-xornada-chantada
Efren Castro nunha xornada organizada pola Rede PAC en Chantada
6 Jun 2025

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou este xoves na inauguración da xornada sobre boas prácticas de pastoreo extensivo aplicables aos ecorreximes en Galicia, organizada pola Rede PAC en Chantada.

O evento reuniu a gandeiros, investigadoras e técnicos de diversas administracións que compartiron experiencias e coñecementos sobre o manexo sostible do pastoreo en zonas de pastos húmidos, con especial atención ao seu impacto ambiental e social.

Durante a súa intervención, Castro destacou o papel fundamental da gandería extensiva nas comarcas do interior e montaña, subliñando o seu valor para a xestión territorial, a dinamización económica e social, a prevención de incendios forestais e a conservación da biodiversidade.

O vicepresidente explicou as axudas que a Vicepresidencia ofrece a través do programa de fomento do silvopastoreo “O que non arde” e as convocatorias de apoio á recría de razas autóctonas, que complementan as tarefas de moitas explotacións rurais que non se ven reflectidas nas axudas directas da PAC. Ademais, defendeu a adaptación da PAC ás particularidades do sector agrario galego.

Pola tarde, a xornada acolleu unha visita á Casa da Fonte en Pantón, unha das 45 ganderías participantes no programa Da Escola á Granxa.

⚙ Configurar cookies
0.17056393623352