A vía LU-P-5802 á altura do Saviñao estará pechada ata o domingo por traballos de mellora
Un tramo da estrada LU-P- 5802, que conecta Porto e Córneas no Concello do Saviñao está sendo renovado pola Deputación de Lugo, un proxecto no que a institución provincial inviste preto de 70.000 euros.
Os traballos de rehabilitación do firme que se están a levar a cabo consisten na limpeza de laterais e obras de drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.
Con esta actuación, a Deputación suma xa máis de 600.000€ de investimento desde o ano 2019 nas diferentes estradas do Saviñao co fin de manter así o tránsito dos usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade.
Os traballos, que afectan ao treito que vai desde o punto quilométrico 6,485 e 8,025, obrigan a pechar a vía provincial ata o domingo.