A veciñanza de Vilamor celebrou San Vicente a pesar do mal tempo

A parroquia de Vilamor, no Concello de Folgoso do Courel, celebrou este sábado 24 de xaneiro a festividade de San Vicente cunha xornada chea de actividades que non se detiveron a pesar do mal tempo, marcado polas intensas neves rexistradas sobre todo o venres.
A celebración comezou coa misa en honor a San Vicente, seguida dunha sesión vermú amenizada por un grupo local de gaitas, que deu paso a un ambiente festivo aberto a toda a comunidade.
O pregón correu a cargo do músico e luthier Suso Vaamonde, quen inaugurou oficialmente a tarde. A continuación, disputouse o campionato de “chía-lo eixe”, xogo popular tradicional da zona, seguido pola emotiva homenaxe á histórica Orquestra de Romeor, un referente da música popular galega.
A programación continuou co Concurso do Baile dos Toxos, acompañado pola actuación en directo da Orquestra de Romeor. Máis tarde, a foliada libre contou coa participación das Cantareiras de Arnado, e tamén tivo lugar a presentación do cancioneiro do Bolo, a cargo de Rogelio de Aceveda, de O Bolo.
Xa avanzada a noite, celebrouse o tradicional baile do farolillo e unha degustación de arroz con leite e queimada, que deu paso á festa e á música ata ben entrada a madrugada.
A organización correu a cargo da Asociación de Veciños e Sociocultural O Quintairo de Vilamor, coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e numerosos establecementos locais.