A veciñanza de Taboada xa pode gozar dun novo camiño cultural

O Concello de Taboada, a través da Tenencia de Alcaldía, anunciouno no mes de maio a habilitación do camiño cultural 'O Camiño dos Mouros' , unha nova senda que busca promover entre a veciñanza e os visitantes a posta en valor do patrimonio etnográfico e medioambiental do concello, no marco da Reserva da Biosfera da que forma parte.
A sinalización percorre un treito de camiños rurais de 1,7 km entre as parroquias de San Tomé e Bembibre, na zona próxima á Fonte dos Mouros, de onde toma nome a nova senda.
A intervención, que inclúe balización, bancos, carteis indicadores e paneis informativos, contou cun orzamento de 5.572 euros, cofinanciada con 4.605 euros a través da Xunta de Galicia e os Fodos FEADER.
O primeiro percorrido, que serviu para inaugurar oficialmente esta nova senda, tivo lugar esta pasada fin de semana e contou coa participación do tenente de alcalde, José Portela. O acto contou con varias intervencións teóricas por parte da bióloga e veciña de Taboada, Emma Calvo, que explicou o máis relevante no referente á biodiversidade, así como a filóloga Andrea Santiso, de Antas de Ulla, que falou sobre tiponimia.