A veciñanza de Quiroga sacou á rúa as súas Comadres

Quiroga viviu este xoves a tradicional saída das Comadres, que dá comezo aos días centrais do Entroido no municipio. A cita contou coa participación de centros educativos e varios establecementos, que saíron á rúa para mostrar as súas propias comadres.
No supermercado Claudio, a representación estivo protagonizada por unha traballadora municipal que, segundo o Concello, segue desempeñando as súas funcións pese á choiva, varrendo sen descanso.
Tamén a Escola Infantil A Galiña Azul participou na celebración. Os escolares decidiron cambiar a canción tradicional que acompañaba á comadre e agora barallan novos temas como “Sol solecito, caliéntame un pouquiño” ou a “Macarena”. Ademais, teñen a responsabilidade de poñerlle nome á próxima borrasca, un acto que se puido seguir en directo a través da Televisión Municipal.
Outros establecementos sumáronse á festa. Na Froitería As Tres en Cunca destacou unha figura que recrea a Isabel Ayuso, cunha referencia humorística á súa famosa frase “Me gusta la fruta”. Na Farmacia Alicia Lama organizouse un desfile no que a peza central foi o mandilón; participaron tanto a comadre como as traballadoras do establecemento, vestidas para a ocasión.