A veciñanza de Quiroga participou nunha charla sobre a importancia de humanizar a atención a pacientes oncolóxicos

RibeiraSacraXa
A actividade estivo organizada pola Asociación Española Contra el Cáncer de Lugo
charla-aecc-quiroga
27 Feb 2026

A Asociación Española Contra el Cáncer organizou en Quiroga unha mesa redonda centrada na necesidade de humanizar a atención a pacientes oncolóxicos. O encontro, aberto a toda a veciñanza, reuniu pacientes e profesionais sanitarios para reflexionar sobre o impacto do cancro e as melloras necesarias na súa abordaxe.

Baixo o título “Humanizar a atención a pacientes oncolóxicos”, a xornada permitiu falar abertamente dunha enfermidade cuxo diagnóstico, tal e como se expuxo, xera caos, medo e incerteza. No acto participaron tres pacientes da comarca de Quiroga, xunto con Eva Rodríguez Macía, médica de Atención Primaria no centro de saúde de Quiroga; María González Losada, enfermeira de Atención Primaria no mesmo centro; M.ª Inmaculada Ramos, médica cirurxiá e directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos; M.ª Ángeles Martínez López, enfermeira supervisora da área de Calidade e Docencia do Hospital Público de Monforte de Lemos; e Virginia Menéndez Dacosta, traballadora social da AECC en Monforte.

Durante a mesa redonda, os pacientes compartiron as súas experiencias persoais e coincidiron en sinalar a falta de piares sólidos nos que apoiarse tras o diagnóstico. Subliñaron especialmente a importancia dunha atención máis humana por parte dos profesionais, unha maior axilidade no acceso ás probas diagnósticas para reducir a incerteza, a posibilidade de participar na elección dos tratamentos e un acompañamento máis estreito por parte de todos os perfís implicados no proceso.

Pola súa banda, os profesionais sanitarios fixeron fincapé na relevancia da prevención mediante hábitos de vida saudables e na necesidade de participar nos programas de cribado, lembrando que un diagnóstico precoz ofrece mellores perspectivas que aquel que se produce cando a enfermidade xa presenta síntomas. Aínda que recoñeceron que quedan aspectos por mellorar, tamén destacaron os avances médicos acadados nos últimos anos e o servizo que se presta aos pacientes oncolóxicos no seu hospital de referencia.

0.1159200668335