A veciñanza de Quiroga gozou dunha excursión pola Ribeira Sacra do río Miño organizada polo Concello

RibeiraSacraXa
Os participantes visitaron lugares como o Mosteiro das Bernardas, igrexa de San Miguel de Eiré, ou o Ecomuseo de Arxeriz guiados polo Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Turismo, Vicente Parra
visita-veciños-quiroga-ribeira-sacra
18 Nov 2025

Corenta e tres veciños e veciñas de Quiroga gozaron o pasado domingo dunha excursión pola Ribeira Sacra do río Miño organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Quiroga que contou coa participación de Vicente Parra, Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Turismo, como guía oficial durante todo o percorrido.

A xornada comezou cunha visita ao Mosteiro das Bernardas do século XII, onde Parra explicou a historia do románico na zona. Tamén estiveron na igrexa de San Miguel de Eiré e no Ecomuseo de Arxeriz, un pazo do século XVII, onde foron recibidos por José Antonio Quiroga, director do centro e presidente da Confederación Hidrográfica. Nesta visita puideron coñecer a nova “Sala dos Carros”, próxima á inauguración. Ademais, o grupo gozou dunha parada no miradoiro do Cabo do Mundo, desde onde se aprecia unha das vistas máis espectaculares da Ribeira Sacra.

Tras o xantar en Chantada, os participantes visitaron a igrexa románica de Santa María de Nogueira de Miño. A ruta rematou cunha cata de viños na adega Pilares de Belesar, acompañada dunha degustación de produtos típicos da comarca.

A actividade forma parte do programa “Descubrir Quiroga”, impulsado pola Concellería de Turismo, que ten como obxectivo dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural da Ribeira Sacra.

⚙ Configurar cookies
0.066967010498047