A veciñanza de Monforte reciclou máis no ano 2023 que no 2022, segundo datos do Goberno local

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer os datos dos residuos recollidos tanto na cidade como nas parroquias no pasado ano 2023, que “supoñen unhas cifras espectaculares que demostran que os monfortinos e as monfortinas están cada vez máis concienciados na separación selectiva do lixo doméstico, xa que as cifras de reciclaxe no ano 2023 melloran con respecto ás acadadas en 2022, mantendo unha evolución moi positiva ó longo destes últimos anos”.
Monforte limpo lixo
20 Feb 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer os datos dos residuos recollidos tanto na cidade como nas parroquias no pasado ano 2023, que “supoñen unhas cifras espectaculares que demostran que os monfortinos e as monfortinas están cada vez máis concienciados na separación selectiva do lixo doméstico, xa que as cifras de reciclaxe no ano 2023 melloran con respecto ás acadadas en 2022, mantendo unha evolución moi positiva ó longo destes últimos anos”.

Deste xeito, os veciños reciclaron máis vidro, papel e cartón, roupa, pilas envases, aceite doméstico, voluminosos, aparatos electrónicos e enseres domésticos que en 2022, e mantéñense cifras similares en canto á recollida de vidro e plásticos agrícolas.

“As cifras de recollida de residuos en 2023”, resalta o rexedor, “son mellores que en 2022, polo que dende o Concello agradecemos aos cidadáns de Monforte a súa concienciación e colaboración, xa que están contribuíndo decisivamente a facer do Concello unha cidade máis limpa á vez que contribúen á protección e mellora do medio ambiente”.

O Concello de Monforte, concienciado coa axeitada separación de residuos

Ademais, nos pasados anos leváronse a cabo diversas campañas de concienciación da reciclaxe de residuos domésticos dirixidas a todos os monfortinos e monfortinas e organizadas polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos.

Estas campañas teñen por obxectivo informar a veciños e veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar.

Para iso, dende o Concello lévanse a cabo campañas informativas, con repartos porta a porta de información directa ao cidadán, con campañas publicitarias, coa publicación de anuncios en prensa, cuñas en radio e pancartas nas principais entradas da cidade.

O Concello tamén localiza postos informativos en distintos puntos da cidade, no que monitores medioambientales informan ós cidadáns sobre os contidos das diversas campañas ideadas, repartindo para elo trípticos informativos e merchandising.

Posta en marcha do Plan de recollida de Residuos orgánicos

Dende o Concello, implantouse en 2023 o Plan de recollida de residuos orgánico do municipio, que abarca a xestión deste residuo no eido rural, a través do reparto de composteiros, na zona periurbana da periferia de Monforte, coa instalación de colectores marróns específicos; nos grandes produtores, que son supermercados, restaurantes, centros educativos e sanitarios, nos que o Concello distribuíu colectores de diferentes tamaños, segundo as súas necesidades; e a recollida no centro urbano a través do sistema de cubeo, cun cubo marrón específico para este residuo.

O plan tamén inclúe o reparto de material informativo, accións de buzoneo, de carpas informativas en rúa, de anuncios e cuñas en medios de comunicación, así como o reparto de 2.500 caldeiros de 40 litros, que se están a repartir entre os cidadáns interesados neste Plan. Un plan que conta cun investimento inicial de 340.000 euros e que está financiado polo Concello de Monforte e pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

0.18831300735474