A veciñanza de Monforte gozou dunha noite de música tradicional da man dos Xograres de Lemos

A praza de España encheuse onte xoves dunha atmosfera de festa e tradición coa actuación do grupo Xograres de Lemos, que ofreceu un concerto dentro do programa do Verán Cultural do Concello de Monforte.
O repertorio estivo centrado na música tradicional, no que as voces, a gaita, a percusión e o acordeón foron protagonistas. O público puido desfrutar tanto de cancións coñecidas que forman parte da nosa tradición musical como de pezas orixinais compostas polo propio grupo, que incorporan continuamente novidades acadando grande aceptación entre os asistentes. Durante o concerto, que se prolongou ata pasadas as 22:30 horas, a veciñanza tivo ocasión de escoitar, bailar e participar activamente na actuación.
Os integrantes de Xograres de Lemos destacaron a importancia de oportunidades como esta, proporcionadas polo Concello, para dar a coñecer o seu traballo anual e para contar cunha posta en escena que, segundo sinalaron, valoran de xeito especial: “Sen o apoio desta iniciativa do Equipo de Goberno, non poderíamos realizar este tipo de concertos”, comentaron.
O concerto contou coa presenza do alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado das concelleiras de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón; de Consumo, Regina López; e do concelleiro de Medio Ambiente, Servizos e Medio Rural, José Luis Losada. Esta actuación forma parte do programa do Verán Cultural organizado polo executivo municipal de Tomé e contou coa colaboración da Deputación de Lugo.