A veciñanza de Chandrexa de Queixa contará cun novo espazo común en Celeiros

RibeiraSacraXa
A Xunta e o Concello asinaron un acordo por máis de 235.000 euros para humanizar unha parcela para uso veciñal
xunta-convenio-chandrexa
5 Aug 2025

A Xunta de Galicia e o Concello de Chandrexa de Queixa asinaron un acordo para levar a cabo a humanización dunha parcela municipal en Celeiros, destinada a converterse nun espazo de uso peonil e veciñal. A inversión para esta actuación ascende a 235.947 euros e está enmarcada dentro do Plan Hurbe, unha iniciativa do Goberno galego para mellorar as infraestruturas urbanas e favorecer a calidade de vida nos municipios.

O proxecto contempla a transformación da parcela situada na estrada Trives-Chandrexa, número 8, nunha área peonil onde se habilitará un edificio de uso recreativo. Este novo espazo permitirá á veciñanza dispoñer dun lugar para a celebración de feiras, actividades deportivas e de lecer, reunións e esparexemento, especialmente para os usuarios da residencia de maiores próxima.

O deseño do espazo inclúe unha zona central aberta para actividades e como paso entre diferentes áreas, un espazo con céspede para o deporte e o lecer, e outra zona destinada á estancia. Ademais, plantarase árbores, instalaranse bancos e cadeiras para crear unha zona de encontro, así como unha mesa para actividades manuais e xogos. Tamén se incorporará un aparcabicis para facilitar o acceso en bicicleta.

O edificio recreativo terá unha cuberta a dúas augas e estará construído en madeira para integrarse co contorno. A súa función será ofrecer un refuxio para que as actividades poidan desenvolverse incluso en condicións meteorolóxicas adversas.

Ademais, a intervención inclúe a instalación de iluminación LED para o uso nocturno, así como a mellora das infraestruturas de saneamento e recollida de augas pluviais. Unha barandilla conectará os distintos espazos, enmarcando as vistas cara ao encoro próximo.

O prazo de execución das obras está previsto en cinco meses. Segundo o convenio asinado, a Xunta financiará o 70% da inversión (165.163 euros) e encargarase da contratación e execución das obras, mentres que o Concello achegará o 30% restante (70.784 euros), xestionará os permisos necesarios e asumirá o mantemento e conservación da nova infraestrutura.

Esta actuación responde á aposta do Plan Hurbe por colaborar cos concellos para renovar contornos urbanos, mellorar a accesibilidade, eliminar barreiras arquitectónicas e promover equipamentos públicos que axuden a revitalizar e equilibrar territorialmente as zonas rurais e urbanas.

⚙ Configurar cookies
0.059881925582886