A vaga de lumes volve golpear Quiroga poñendo en perigo sete aldeas e ameaza A Pobra do Brollón

A vaga de incendios que desde hai dúas semanas arrasa Galicia e o oeste peninsular volveu cebarse onte co municipio de Quiroga. Un novo foco, iniciado ás 13.06 horas na parroquia de Abrence, no concello da Pobra do Brollón, avanzou con forza cara a terras quiroguesas, calcinando unhas 600 hectáreas nunha soa xornada e obrigando a decretar de novo a Situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas a varias poboacións.
As chamas propagáronse polos lugares de Conceado e San Pedro de Lor, facendo vivir unha noite de angustia aos veciños de ata sete núcleos que viron como o lume se achegaba perigosamente ás súas vivendas. A pesar da magnitude do incendio, non foi necesario decretar evacuacións nin confinamentos, aínda que moitos residentes decidiron abandonar as casas de maneira preventiva.
O dispositivo de extinción despregado foi amplo: 5 técnicos, 19 axentes, 23 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 4 helicópteros e 10 avións. Porén, o vento e as altas temperaturas fixeron que estes medios resultasen insuficientes para conter a virulencia do lume. Xa durante esta mañá, o foco cambiou de dirección e regresou cara á Pobra do Brollón, avanzando por zonas de matogueira xa queimadas hai catro anos, segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias.
Mentres tanto, noutro punto de Quiroga, en Outeiro, no límite con Folgoso do Courel, rexistrouse unha reactivación do gran incendio iniciado en Larouco, que arrasou unhas 30.000 hectáreas e que fora estabilizado o sábado. O novo rebrote puido ser controlado, aínda que a preocupación continúa centrada na evolución das lapas na Pobra do Brollón, concello en loito polo falecemento repentino do seu tenente de alcalde, Ricardo Rodicio González.
A situación obrigou a cortar durante horas a circulación na N-120 entre os quilómetros 497 e 503, así como na LU-993, que xa foron reabertas esta mañá. Tamén se interrompeu a liña ferroviaria Monforte-Ponferrada entre San Clodio-Quiroga e A Pobra do Brollón por decisión de Adif.
En paralelo, o incendio de Carballedo, iniciado o xoves en A Cova, quedou controlado o domingo tras arrasar unhas 100 hectáreas. Neste caso tamén se decretara a Situación 2 pola proximidade a núcleos de poboación, aínda que finalmente Oleiros e Papelle non resultaron afectados.
A CORUÑA
O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña sumouse tamén ao operativo con dúas dotacións desprazadas onte á tarde. O dispositivo incluíu dous vehículos BNP con capacidade para 8.000 litros de auga cada un, dous vehículos de mando e oito bombeiros, que traballaron toda a noite en condicións extremas antes de ser relevados esta mañá. O presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio, Valentín González Formoso, agradeceu publicamente o labor dos efectivos enviados e destacou a importancia de contar cun sistema público de emerxencias “ben dotado, coordinado e preparado para intervir en escenarios tan complexos como este”.

Ademais, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou hoxe o Posto de Mando Avanzado de Quiroga, onde agradeceu o labor dos equipos despregados nos incendios activos en Quiroga e A Pobra do Brollón. Rodríguez anunciou a incorporación de 30 militares e 9 medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que desde esta noite traballan xa na zona, así como a chegada de dous helicópteros adicionais esta tarde.
Na súa cuarta visita á área afectada, Rodríguez puxo en valor o esforzo conxunto dos dispositivos despregados e subliñou a importancia de afrontar a emerxencia “desde a unidade e a responsabilidade”. Tamén lembrou o firme compromiso do Goberno de España con Galicia para superar esta vaga de lumes que segue a ameazar o territorio.
RUTAS EN CATAMARÁN
A Deputación de Lugo suspende durante o día de hoxe e mañá as rutas en catamarán que ofrece polo río Sil para facilitar os labores de extinción dos lumes. A institución provincial responde así á petición do Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia, encargada da coordinación e xestión da extinción dos incendios forestais, para permitir que os hidroavións poidan recargar con seguridade os depósitos de auga.
Esta medida prolongarase os vindeiros días en caso de ser necesaria e as persoas que se vexan afectadas poderán optar á devolución do importe do billete ou cambialo para realizar a ruta que a Deputación de Lugo ofrece polo Miño, desde o embarcadoiro Saviñao de Belesar, que en principio si que estará operativa.
O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, enmarcou esta medida na colaboración e boa disposición que “ofrecemos desde o primeiro momento coa Xunta de Galicia, para traballar de forma coordinada, con responsabilidade, solidariedade e lealdade institucional”. Nese sentido, informou que seguindo as instrucións do Cecopi, os operativos dos parques provinciais están actuando na xornada de hoxe en Sarria polo lume de Freixido, en Monforte de Lemos polo de Conceado, e en Quiroga polo do lugar de Souto, en Margaride de Lor.