A unidade móbil de doazón de sangue estará en Monforte este venres

RibeiraSacraXa
Estará operativa en horario de mañá e de tarde na Praza da Compañía
Doa Sangue
18 Dec 2025

O Concello de Monforte de Lemos informa de que este venres, 19 de decembro, a unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) instalarase na Praza da Compañía para facilitar a doazón de sangue á cidadanía.

A unidade estará operativa en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Desde ADOS lembran que o período do Nadal adoita ser un dos máis complicados para manter un nivel estable de doazóns, polo que se desenvolven campañas específicas para cubrir as necesidades dos centros sanitarios.

ADOS, organismo dependente da Consellería de Sanidade, é o encargado de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para manter a súa actividade asistencial. Para iso, a axencia mantén puntos fixos de doazón nas principais cidades galegas e despraza diariamente unidades móbiles por distintos concellos.

As persoas interesadas en colaborar poden informarse sobre os requisitos para doar na propia unidade móbil, na web ados.sergas.gal ou a través do teléfono gratuíto de información 900 100 828.

Desde o Concello de Monforte, o alcalde anima a todas as persoas que cumpran os requisitos a achegarse este venres á unidade móbil situada na Praza da Compañía e contribuír con este xesto solidario a garantir o funcionamento dos hospitais galegos.

⚙ Configurar cookies
0.075752973556519