A unidade móbil de doazón de sangue de ADOS chega esta semana a Monforte

A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos, Sangue e Tecidos (ADOS), chega a Monforte os días 21 e 22 de novembro.
O venres 21, a unidade funcionará en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que o sábado 22 estará operativa pola mañá, de 10:00 a 15:00 horas. A unidade estará situada ambos días na Praza da Compañía.
ADOS, organismo dependente da Consellería de Sanidade, é o encargado de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias para garantir o seu funcionamento. Por iso, a colaboración cidadá é fundamental para manter as reservas necesarias. Para facilitar a doazón, ademais dos locais fixos nas sete grandes cidades galegas, ADOS despraza unidades móbiles como esta, que recollen sangue, procesan e analizan para distribuílo aos hospitais durante todo o ano.
As persoas interesadas en doar poden consultar os requisitos e información na web da Axencia (ados.sergas.gal) ou directamente na unidade móbil. Tamén dispoñen dun teléfono gratuíto de información (900 100 828) para resolver calquera dúbida e localizar outras unidades móbiles.
Desde o Concello animan a todas as persoas en condicións de doar a achegarse á Praza da Compañía para participar nesta iniciativa e axudar a garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos que permitan aos hospitais galegos desenvolver a súa labor asistencial con eficacia.