A unidade móbil da ITV para turismos desprazarase a Chantada en xaneiro

O Concello de Chantada informou da chegada da unidade móbil número 1 de inspección técnica de vehículos para turismos, que se desprazará ao municipio ao longo do mes de xaneiro para facilitar a realización da ITV sen necesidade de saír da localidade. O servizo desenvolverase no Mercado Gandeiro de Chantada en dúas quendas, a primeira entre os días 13 e 15 de xaneiro e a segunda os días 19 e 20 do mesmo mes.
O horario habitual de atención será de 9:00 a 13:30 horas pola mañá e de 15:15 a 18:00 horas pola tarde. Con todo, o día 20 de xaneiro a unidade móbil prestará servizo unicamente en horario de mañá no Mercado Gandeiro.
Para poder acceder á inspección é preciso solicitar cita previa, ben por teléfono no número 981 92 80 80 ou a través da páxina web www.sycitv.com, no apartado de cita previa. Desde a organización lémbrase ademais que a admisión de vehículos con características particulares quedará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.