A tradicional procesión de San Antonio percorreu as rúas de Monforte

Este venres, 13 de xuño, celebrouse o día grande das Festas de San Antonio, declarado festivo local en Monforte de Lemos. Como cada ano, os actos en honra ao santo desenvolveron a súa programación con gran participación veciñal.
A comitiva institucional, encabezada polo alcalde, José Tomé Roca, estivo acompañada polos concelleiros de Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón; de Deportes, José Manuel Mougán; de Consumo, Regina López; e de Muller e Igualdade, Margarita López, xunto con outros membros da Corporación Municipal. Todos eles asistiron, ás 12:30 horas, á misa solemne en honra a San Antonio.
Tras a celebración relixiosa, como marca a tradición, tivo lugar a procesión coa imaxe do santo polas rúas próximas á igrexa. Durante o percorrido, numerosos devotos lanzaron pétalos de rosas á figura de San Antonio, nun xesto de devoción e respecto. A continuación, na praza do Campo de San Antonio, celebrouse unha degustación de viño da Ribeira Sacra e un aperitivo organizado pola comisión de festas.
“O San Antonio, que é festivo local no noso Concello xunto co Martes de Pascua, é unha celebración que, desenvolvéndose no centro da cidade, no barrio de San Antonio, conserva a esencia dunha festa relixiosa popular, con moita devoción e participación”, sinalou o alcalde José Tomé Roca. “Como digo sempre, son as segundas Festas Patronais da cidade, despois das de agosto”.
O rexedor destacou tamén que a súa celebración no centro urbano, coincidindo co día festivo local, facilita a participación tanto da veciñanza como das persoas que visitan Monforte nestas datas.
O equipo de goberno do Concello colabora coa organización das Festas de San Antonio cunha achega económica de 1.000 euros, enmarcada nunha liña de subvencións de 32.000 euros destinada á celebración de festas nos barrios e parroquias do municipio. “Estas axudas foron incrementadas nun 60% desde 2024 porque, desde o Concello, queremos apoiar e incentivar a realización das festas das nosas parroquias e dos nosos barrios”, concluíu o alcalde.