A tradición oral galega protagonizará a xornada deste venres en Ribas de Sil cun serán de regueifas

RibeiraSacraXa
Será ás 19:00 horas no salón de actos do Concello
taller-regueifas-quiroga
Imaxe do Serán de Regueifas celebrado en Quiroga
3 Oct 2025

A tradición oral galega volverá a ter protagonismo este venres, 3 de outubro, en Ribas de Sil, coa celebración dun serán de regueifas no salón de actos do Concello, a partir das 19:00 horas. Esta actividade forma parte dun proxecto organizado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, a través dos seus departamentos de Normalización Lingüística, e conta co apoio da Xunta de Galicia.

A cita en Ribas de Sil segue ao primeiro encontro celebrado o 26 de setembro en Quiroga e Folgoso do Courel, onde alumnado de 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro práctico de improvisación oral, guiado polos coñecidos regueifeiros Luís “O Caruncho” e Pinto d’Herbón. Naquel obradoiro, os estudantes coñeceron a historia da regueifa, a súa relación con outros estilos musicais como o rap, e practicaron técnicas poéticas como o leixaprén, finalizando coas súas propias coplas.

No serán de Ribas de Sil, subirán ao escenario dúas voces destacadas da improvisación oral galega: Nuria das Cruces e Luís “O Caruncho”, que ofrecerán unha mostra de regueifas ao público asistente.

Segundo os organizadores, a iniciativa “pretende fomentar o uso do galego, o enxeño e a retranca, aumentar o vocabulario, mellorar a autoestima, potenciar a musicalidade e sementar o gusto pola poesía”.

⚙ Configurar cookies
0.28877592086792