A Torre da Homenaxe iluminarase de verde en apoio ás persoas con artrite

RibeiraSacraXa
Con este xesto, o Concello de Monforte súmase á campaña “Outubro, mes da artrite e da espondiloartrite”, promovida pola Coordinadora Nacional de Artritis
torre-da-homenaxe-monforte-de-lemos
30 Sep 2025

Este mércores, 1 de outubro, a Torre da Homenaxe de San Vicente acenderase de cor verde como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas que conviven con enfermidades reumáticas, co gallo do Día Nacional da Artrite.

A iniciativa forma parte da campaña “Outubro, mes da artrite e da espondiloartrite”, promovida pola Coordinadora Nacional de Artritis, ConArtritis, coa que se busca sensibilizar, informar e dar visibilidade a estas enfermidades pouco coñecidas pero que afectan a persoas de todas as idades e teñen un gran impacto na calidade de vida.

“Dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de verde a Torre da Homenaxe, pois falamos de enfermidades que poden afectar a persoas de tódalas idades, desde bebés ata maiores de 80 anos”, explicou o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que lembrou que máis dun millón de persoas en España conviven con estas enfermidades invisibles.

A proposta de iluminar edificios ou monumentos de verde parte da propia Coordinadora Nacional de Artritis, buscando visibilizar o apoio á causa. A campaña “Outubro, mes da artrite e espondiloartrite” realiza desde 2006 un labor de divulgación sobre enfermidades como a artrite idiopática xuvenil, a artrite psoriásica, a artrite reumatoide, a artrite psoriásica ou a espondiloartritis. Estas patoloxías afectan tanto á saúde física, provocando dor crónica, fatiga, inflamación articular ou mobilidade reducida, como á saúde mental, debido á incomprensión social e ás limitacións nas actividades diarias.

⚙ Configurar cookies
0.091009855270386