A Torre da Homenaxe, en Monforte, sumouse ao apagón de ‘People and Planet’
Esta acción para crear conciencia sobre cambio climático coincidiu co Día do Medio Ambiente.
Baixo o lema #OnlyOneEarth, a Torre da Homenaxe ficou sen luz dende as 23.00 ata as 00.00 horas. Foi un xeito simbólico de manifestarse a prol do medio ambiente, ao cal se sumaron máis de 20 concellos galegos.
José Tomé Roca, alcalde de Monforte, destaca que este tipo de propostas animan á poboación "a loitar contra o cambio climático". Asemade, desde o Concello, advirten de que no 2020 "o consumo enerxético diminuíu en Galicia un 11,2%". Non obstante, esta resultou ser "unha caída conxuntural" a consecuencia da Covid-19. Por tanto, o asunto continúa a estar de máxima actualidade e a ser unha gran fonte de preocupación.
Para paliar as súas irreparables consecuencias, en Monforte incitan á cidadanía a "empregar o transporte público ou a bicicleta", así como tamén a "elixir aparellos de baixo consumo", canda outras medidas que vaian na mesma dirección.
Este “apagón”, propulsado polo Fondo Galego de Cooperación Ambiental, englóbase dentro de 50 actividades que están a desenvolver os concellos incluídos en ‘People and Planet’. Dito proxecto busca mentalizar á xuventude europea co fin de que "se convertan en axentes de transformación".
A iniciativa, que emprendeu a súa andaina en novembro de 2020, durará catro anos. Nesta tempada, procurará "reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible". Á par, tamén axudará a implantar a Axenda 2030, en concreto o ODS 13, onde se convida a tomar medidas de urxencia.
O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea. Ademais, abrangue a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.