A terceira xornada da Copa Galicia de Ciclocross chega este domingo a Taboada co apoio da Deputación

Taboada será escenario este domingo, 26 de outubro, do II Ciclocross Concello de Taboada, terceira cita do calendario da Copa Galicia de Ciclocrós, organizada polo Club Ciclista Chantadino coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Taboada.
Será a segunda ocasión na que a localidade acolla esta competición, que reunirá ciclistas de distintas categorías, desde infantil ata máster 60, nun circuito de 2,5 quilómetros trazado arredor do núcleo urbano, con saída e meta na Praza de Riazón. As probas comezarán ás 10:00 horas e espérase a participación de numerosos corredores de toda Galicia.
A presentación da proba tivo lugar este xoves coa participación do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, xunto co tenente de alcalde de Taboada, José Portela, a concelleira de Cultura e Deportes, Manuela Diéguez, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e representantes do club organizador.
Durante o acto, Efrén Castro destacou “o compromiso da área de Deportes de Taboada coa organización, por segundo ano consecutivo, dunha proba do calendario galego de ciclismo”, e subliñou que este tipo de eventos “ademais da súa relevancia deportiva, tamén teñen un impacto positivo na hostalaría local e na proxección turística da localidade”.
“Aproveitamos a experiencia adquirida o ano pasado para repetir como sede da Copa Galicia de Ciclocrós, unha oportunidade para dar a coñecer o noso municipio, atraer visitantes e fomentar a práctica do deporte”, sinalaron os representantes municipais.