A terceira edición de Polas Bravas regresa este venres a Chantada

A Asociación feminista de Chantada ‘Polamiúda’ levanta este venres, 30 de maio, o pano da terceira edición do seu festival cultural Polas Bravas, un evento gratuíto de arte e creación multidisciplinar que ofrece propostas culturais vangardistas feitas por mulleres bravas galegas. O Polas Bravas desenvolverase, de balde, na tarde deste venres e durante todo o sábado 31 en diferentes localizacións da vila. Conta coa colaboración do concello de Chantada, a Deputación de Lugo e o tecido empresarial e o pequeno comercio local.
A programación de Polas Bravas abrangue un amplo espectro de actividades: dende a música de PAVA ou o teatro de Isabel Risco, entre moitas outras propostas que empaparán de feminismo e cultura o concello lugués da Ribeira Sacra.
CONCERTOS
O programa do festival dará comezo na noite do venres 30, ás 21:30 horas na Rúa Leonardo Rodriguez, coa actuación de Erre que Erre, un duo de regueifeiras composto por Lorena e Nuria, que ademais de actuar por todo o país son formadoras en regueifa, facendo que esta arte tan nosa perviva no tempo e enganche coa rapazada. A continuación, ás 22:30 horas, o público poderá deleitarse nese mesmo espazo cun espectáculo cómico do grupo Impro-Conas. Esta equipa feminista está formada por tres actrices (Paula Pier, Carlota Rosón Rojo e Antía Costas) que traen un chou arriscado e totalmente improvisado, con xogos frescos nos que participa o público.
O primeiro día do festival rematará coa sesión da DJ franco-camerunesa Dj Eva Chloé, que collerá o timón da mesa de misturas a partir das 23:30 horas cunha sesión que de seguro fará bailar a todo o público.
O sábado, o festival Polas Bravas ofrecerá unha programación musical variada tanto pola mañá como pola tarde.
Pola mañá, comezará co coro infantil do programa Cantando na escola, seguido do concerto de Lila Star. A continuación, terá lugar unha sesión de poesía e música con Diana Kurich e Inés Mirás, e a mañá pecharase coa actuación das cantareiras Lambe Lambe, acompañadas polo Coro das Mulleres Bravas.
Pola tarde e noite, despois da obra teatral Bravas de Isabel Risco, a música volverá ser protagonista co ensemble Bandidas, a banda xuvenil Rager, o grupo PAVA, o dúo Bratzantifa e, como peche do festival, a sesión de KrisK Dj.