A terceira edición de ‘Petiscos de Nadal’ chega este sábado a Taboada

A ACIMTA, Asociación de Comerciantes e Industriais do Concello de Taboada ven desenvolvendo en Taboada, numerosas accións dinamizadoras nos últimos tempos, que procuran por en valor o tecido empresarial da zona, o seu comercio, e aos produtores e artesáns. Ao mesmo que constitúen Taboada, como epicentro de programacións culturais diferenciais e alternativas, como acontece por exemplo, coas dúas edicións de RaizameS, o Encontro da Cultura do Vio da Ribeira Sacra.
Neste sentido, consolídase a organización, o vindeiro sábado 21 de Decembro, da terceira edición de Petiscos de Nadal, un mercado de produto local, de proximidade, elaborado artesanalmente con coidado e responsabilidade ambiental.
Petiscos desenvólvese nunha xornada intensiva, concentrada no sábado, que consta do mercado, coa presenza de numerosos artesáns e unha variada oferta de produtos de primeira calidade (galletas, embutidos, mel, castañas, xeados, bixutería, xoguetes e bonecos, artesanías en madeira ou coiro, etc.) e dunha programación cultural e artística para todos os públicos, dende a mañá ata a noite: pasarrúas de música tradicional, espectáculo de maxia para público familiar, obradoiros de construción de grilandas e decoracións de Nadal, sorteo de cestas de produto de máxima calidade e concerto nocturno de Ailá.