A tempada de caza en Galicia será do 16 de outubro ao 6 de xaneiro

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta publica a resolución coas épocas hábiles para a actividade da caza, os réximes especiais e as medidas de control de danos
temada de caza cazador
27 Apr 2022

Por primeira vez e como consecuencia da decisión do Goberno central de elevar a protección do lobo en todo o país, exclúese a posibilidade de realizar controis poboacionais sobre esta especie fronte a posibles ataques ao sector primario.

A Xunta publica a resolución na que se fixan as épocas hábiles para a actividade de caza, os réximes especiais para as diferentes especies e as medidas de control por danos.

O período hábil xeral para poder exercer a actividade cinexética en Galicia comezará o vindeiro 16 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro do próximo ano, durante o que se poderá cazar os xoves, domingos e festivos tanto de carácter estatal como autonómico.

Así se recolle na resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicada hoxe e pola que se determinan as épocas de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2022-2023.

Neste sentido e como consecuencia directa da inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), a Xunta tivo que excluír da resolución anual de caza, por primeira vez, a posibilidade de realizar controis poboacionais polos danos que poidan ocasionar estes animais.

Esta é unha das novidades principais da tempada 2022-2023, que se deriva da decisión do Goberno central de elevar a protección do lobo ibérico ao norte do río Douro a través da orde ministerial publicada o pasado 21 de setembro, unha medida á que se opuxo desde o principio a Xunta por carecer de fundamento científico e porque, ademais, deixa aos gandeiros e a xente que vive no rural nunha situación moi delicada.

De feito, desde a inclusión do lobo no Lesrpe, as comunidades lobeiras como Galicia xa non poden adoptar, con carácter xeral, determinadas medidas de control e xestión sobre esta especie nos seus respectivos territorios, xa que os requisitos e condicións esixidos na propia orde para que poidan autorizalas fan que, na práctica, sexa un procedemento inaplicable.

Ademais, segundo se recolle na Lei de patrimonio natural estatal, as medidas cinexéticas sobre especies incluídas no Lesrpe tan só quedan permitidas de forma totalmente excepcional para “prever prexuízos importantes” no sector primario e “sempre que quede garantido que no hai perda neta de biodiversidade” mediante os chamados bancos de conservación, unha figura que ten que regular o propio Executivo central e que, polo momento, non fixo, polo que tampouco existe esta opción.

Outra das novidades da resolución anual de caza é que se reflicte expresamente que nos tecores e con fins de competición, poderá autorizarse o adestramento de cans e aves de cetraría en calquera época do ano dentro das zonas que teñan aprobadas con este fin.

Así mesmo, incorpórase un novo artigo para establecer que as xornadas hábiles de caza —unha actividade que só se pode practicar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do solpor— virán determinadas polas horas oficiais que se publiquen na páxina web de MeteoGalicia.

En canto á regulación da tempada para as distintas especies, cómpre subliñar que dentro da caza menor, no caso da arcea e agacha, o período xeral irá tamén do 16 de outubro ao 6 de xaneiro de 2023 —aínda que poderá ampliarse ata o 12 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten— os xoves, domingos e festivos. Para a lebre, a actividade cinexética estenderase do 16 de outubro ao 27 de novembro deste ano, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE.

No relativo á caza maior, os machos adultos de corzo poderán capturarse en terreos en réxime cinexético común entre o 20 de agosto e o 15 de outubro, os sábados en batida/montaría, e todos os días da semana na modalidade de axexo.

As femias adultas de corzo permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos (do 03/09/2022 ao 15/10/2022 ou do 07/01/2023 ao 18/02/2023).

Polo que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 20 ao 31 de agosto e do 7 de xaneiro ao 26 de febreiro de 2023, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro de 2022 ao 5 de xaneiro do vindeiro ano os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial a tempada irá do 20 de agosto ao 26 de febreiro de 2023, os xoves, sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida, montaría e espera.

0.16329598426819