A tapa gañadora do Val de Quiroga de Tapas darase a coñecer este sábado durante a Feira do Viño de Quiroga

Finalizado o concurso Val de Quiroga de Tapas, esta semana abriuse no Concello de Ribas de Sil as urnas onde estaban depositados os votos do público que participou nesta décimo terceira edición, celebrada entre os días 4 e 14 de abril.
Unha vez máis, a participación foi elevada e o interese notable por parte de veciños e visitantes que durante dez días percorreron os distintos establecementos adheridos ao certame. O reconto de votos realizouse en presenza dos alcaldes de Ribas de Sil e Quiroga, Roberto Castro e José Luis Rivera, respectivamente, así como do concelleiro de Xuventude de Quiroga, Luis Manuel Arias, e a delegada na zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL), Beatriz Vila.
Nesta edición concursaron dez locais de Quiroga e Ribas de Sil, que ofreceron propostas moi variadas e orixinais, apostando por produtos de calidade e presentacións creativas. O nome do establecemento gañador darase a coñecer este sábado tras o pregón da Feira do Viño de Quiroga. Será nese momento cando se lle faga entrega dunha placa conmemorativa e un premio de 100 euros en metálico.
Ademais, todos os participantes que completaron a ruta de tapas e depositaron o seu tapacartón nas urnas entraron automaticamente nun sorteo con diversos premios, que van desde comidas en restaurantes da zona, cestas de produtos típicos, ata un premio en metálico de 200 euros.
Tanto os representantes dos concellos como a portavoz da hostalaría valoraron moi positivamente esta edición, destacando non só a alta participación, senón tamén o impacto que tivo no movemento e na dinamización dos locais participantes durante os días que durou o concurso.