A taboadesa Isabel Vázquez expón 37 pinturas ao óleo na Delegación da Xunta en Lugo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle ata o 31 de maio a exposición Imaxes, formada por 37 pinturas ao óleo realizadas pola taboadesa Isabel Vázquez nos últimos dous anos.
A mostra pode visitarse na Sala de Exposicións da Delegación Territorial de luns a venres, de 9.00 a 20.00 horas; e os sábados pola mañá, de 9.00 a 13.30 horas.
As obras que compoñen a mostra plasman a paixón da autora pola danza e polos animais. Tamén están presentes outros elementos que a inspiran, como a auga; xunto con retratos de persoas próximas a ela ou de personaxes que lle interesan.
Vázquez é unha pintora autodidacta que retomou a súa afección polo debuxo durante a pandemia. Ten Sensibilidade Química Múltiple, o que a condiciona no exercicio da pintura e da súa profesión de veterinaria, xa que lle impide a exposición a determinados produtos.