A supresión de caixeiros no rural chega ao Parlamento

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSOE esixiulle á Xunta que “acaden unha solución política” para “meter en cintura” ás entidades bancarias que eliminan servizos no rural.
caixeiro autonomaticos
15 Xul 2021

O PSOE galego por medio do seu voceiro, Juan Carlos Francisco, esixiulle á Xunta que “acaden unha solución política” a través do diálogo para “meter en cintura” ás entidades bancarias que operan en Galicia e frear a exclusión financeira dos concellos galegos. Francisco presentou unha pregunta oral neste sentido no Pleno do Parlamento.

O responsable socialista lembrou o peche de 1.000 oficinas bancarias dende 2008, deixando a 45 concellos galegos sen ningunha delegación e outros 118 concellos que só teñen unha oficina bancaria, ás que se suma o anuncio de Abanca de pechar as oficinas de Cerdido, Carballedo, Cerdedo – Cotobade, Soutelo de Montes ou Seixo –Marín-.

Francisco criticou que estas entidades empreguen diñeiro público que está a ser inxectado polo goberno galego para manter caixeiros en realidade para “maximizar beneficios”, porque “se seguen a pechar oficinas a solución non será que a Xunta de Galicia siga a poñer diñeiro público”. Ademais, lembrou que se trata de entidades que veñen de ser rescatadas por inxentes cantidades de diñeiro público para despois ser vendidas.

O parlamentario socialista salientou que o proceso de dixitalización da banca no debe supoñer un “prexuízo evidente para a xente maior ou con menos recursos” para empregar estes sistemas atópanse con “máis dificultades para acceder a un servizo básico como é o financeiro e acadar diñeiro en efectivo”.

CONTESTACIÓN DO GOBERNO

Pola súa banda, O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, explicou a iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia para instalar caixeiros e prestar servizos de asesoramento financeiro nos concellos do rural.

Durante a súa intervención no Pleno do Cámara galega para responder a unha pregunta oral sobre servizos financeiros, defendeu que esta iniciativa busca, ademais da instalación de caixeiros, a prestación dos servizos de asistencia e formación financeira. Neste sentido, Valeriano Martínez sinalou que Galicia conta cunha das iniciativas máis ambiciosas do Estado para evitar a exclusión financeira no ámbito rural.

Ademais, o conselleiro subliñou que un total de 34 concellos asinaron xa os convenios de colaboración coa Xunta para dispoñer de caixeiro automático e de servizos de atención financeira ao cidadán dos que se beneficiarán preto das 48.000 galegas e galegos que viven nestes municipios. “Trátase de facer política útil para dar solución aos problemas que teñen os cidadáns”, subliñou.

A medida posta en marcha polo Goberno galego está baseada en tres liñas de actuación: a instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas; e unha oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública sinalou que, en todo caso, o problema da exclusión financeira ten unha dimensión nacional que require dunha actuación global e coordinada por parte do Goberno de España.

0.18980407714844