A Subida a Taboada, que terá lugar os vindeiros 27 e 28 de abril, conta coa colaboración da Deputación
O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse co concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada, Manuel Diéguez, e o responsable da Escudería Taboada, José Seijo, para coñecer os últimos preparativos da Subida a Taboada, que se celebrará os días 27 e 28 de abril co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a proba, que recuperaron o ano pasado tras 17 anos de parón co apoio a institución provincial e que mantén o trazado habitual, nun treito da estrada LU-611 entre Rubián (Bóveda) e Taboda, con saída no Cruce das Seixas e chegada en Taboada.
Efrén Castro ratificou “a colaboración coa proba”, que encadrou no apoio que “da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas, e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”.
Manuel Diéguez, pola súa parte, explicou que "despois de apostar o ano pasado por recuperar a proba, afrontamos esta nova edición co obxectivo de consolidala como un referente desta modalidade deportiva”, e subliñou “a participación na carreira da escudería local, e de equipos da comarca, que teñen a posibilidade de competir preto da casa”.
Así mesmo, destacou que “o trazado, con chegada en Taboada, facilita que o público que se achega para seguir o rally xenere actividade na vila e coñeza o concello”.
A Subida a Taboada suporá o inicio do Campionato Galego de Montaña, xa que é a primeira desta modalidade no calendario de 2024.