A subdelegada do Goberno coordina o dispositivo de seguridade para a XLIII Feira do Viño de Chantada

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu este luns en Chantada a Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo especial con motivo da XLIII Feira do Viño, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo e vitivinícola da provincia.
A feira, que se celebra de maneira ininterrompida desde 1983, abrirá do 6 ao 8 de marzo o calendario galego deste tipo de eventos, consolidándose como escaparate da calidade dos viños da Ribeira Sacra e como símbolo da identidade e da tradición dunha comarca profundamente ligada á cultura vitivinícola.
Durante a reunión analizouse o operativo previsto para garantir o correcto desenvolvemento da celebración, establecendo unha coordinación estreita entre a Garda Civil, a Policía Local e o resto de administracións implicadas. Segundo destacou a subdelegada, o obxectivo é asegurar que a feira transcorra con normalidade, nun ambiente festivo e seguro tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
López subliñou que a importancia da Feira do Viño de Chantada como “un verdadeiro motor económico para o municipio e para o conxunto da comarca”. Ao longo dos tres días de celebración, espérase a chegada de milleiros de visitantes que poderán coñecer, degustar e adquirir os viños dunha das denominacións de orixe máis prestixiosas de Galicia, xerando un impacto directo na hostalaría, no comercio local e no sector servizos.
A subdelegada puxo en valor a importancia da planificación anticipada e da colaboración institucional para dar resposta a un evento que concentra unha elevada afluencia de público, reafirmando o compromiso do Goberno co apoio ás tradicións que fortalecen o tecido económico e social da provincia.
A Xunta Local de Seguridade serviu tamén para facer balance da situación no concello. Segundo os datos analizados, no ano 2025 rexistrouse un descenso xeral das infraccións do 9,14 %, o que reflicte unha evolución favorable da criminalidade en Chantada.
Cómpre salientar, ademais, o elevado grao de esclarecemento dos delitos, situado no 64,5 %, grazas ao traballo permanente da Garda Civil. Estes indicadores, segundo se puxo de manifesto na reunión, confirman a boa coordinación das forzas e corpos de seguridade e contribúen a consolidar a percepción de Chantada como un concello seguro.