A Subdelegación do Goberno de Ourense prepara o dispositivo de seguridade de cara á Eclipse de agosto

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, informou hoxe sobre os preparativos que están a levar a cabo os organismos dependentes do Executivo para garantir a seguridade e facilitar o tránsito de vehículos e persoas durante a Eclipse total de sol que se producirá o próximo 12 de agosto.
Santos presidiu en Ourense unha reunión de coordinación na que participaron responsables de todos os organismos da Administración Xeral do Estado vinculados ao operativo, entre eles a AEMET, a Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Nacional, a Dirección Xeral de Tráfico, a Demarcación de Carreteras, a Inspección de Telecomunicacións, Adif, Renfe e o departamento de Protección Civil da Subdelegación do Goberno.
O subdelegado subliñou que “o obxectivo é que a xente poida desfrutar da Eclipse con planificación, evitando accidentes, altercados e aglomeracións” e destacou que se trata dun fenómeno astronómico excepcional, xa que España será o único territorio habitado onde se poderá observar a totalidade do eclipse. Esta será a primeira do denominado Trío de Eclipses 2026-2027-2028, unha serie de tres eclipses que se verán desde España nos próximos anos.
Para garantir o correcto desenvolvemento do evento, Santos explicou que se colaborará con outras administracións, como os Concellos e a Xunta de Galicia, e elaborarase un listado dos puntos de interese onde se prevé unha maior concentración de persoas. Ademais, o operativo buscará “unha mobilidade ordenada, con capacidade de resposta ante calquera emerxencia”, tendo en conta que o fenómeno terá lugar xusto antes da noite das Perseidas.
Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), en Galicia o 56,3 % do territorio poderá observar a Eclipse total. Na provincia de Ourense, o fenómeno comezará ás 19:33 horas e finalizará ás 21:23 horas, sendo as 20:30 horas o momento de maior escuridade. A Eclipse total poderá verse en 15 concellos da provincia, mentres que no resto do territorio ourensán se verá de forma parcial. O último lugar de Galicia onde se poderá ver a totalidade será no municipio da Veiga, na fronteira con Porto, en Zamora.