A Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos arranca en Sober o I Ciclo de Cine e Concertos na Redonda

RibeiraSacraXa
O evento terá lugar este próximo sábado ás 19.00 horas no Centro Sociocultural
ciclo-filarmonica-monforte-sober
11 Mar 2025

A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos comezará o vindeiro 15 de marzo en Sober o I Ciclo de Cine e Concertos na Redonda. Será a primeira das sete actividades organizadas pola sociedade en colaboración con distintos concellos da comarca da Ribeira Sacra, que achegarán este ciclo a Bóveda, A Pobra do Brollón, O Incio, O Saviñao, Pantón, Quiroga e Ribas de Sil.

En Sober, o evento terá lugar este próximo sábado ás 19.00 horas no Centro Sociocultural. A través desta actividade, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos, que este ano cumpre 75 anos, levará a sete concellos o filme “Sete Oportunidades”, de Buster Keaton, coa música en directo de Caspervek.
Estreada en 1925, Seven Chances é unha comedia protagonizada por Buster Keaton e baseada na exitosa obra musical de Broadway escrita por Roi Cooper Megrue e producida por David Belasco. Foi un gran éxito de billeteira, recadando 598.288 dólares.

A historia segue a Jimmy Shannon (interpretado por Keaton), un socio da empresa de corredores de bolsa Meekin & Shannon, que se atopa ao bordo da bancarrota. Todo cambia cando un avogado, a quen previamente evitara por crer erroneamente que traía malas novas, consegue comunicalo os termos do testamento do seu avó: herdará sete millóns de dólares, pero só se casa antes das 19:00 horas do seu 27º aniversario… que resulta ser ese mesmo día.

Caspervek, pola súa banda, naceu en 2013 da man do pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer. En febreiro de 2014, o violinista Eduards Vecbastiks sumouse ao dúo, dando orixe a Caspervek Trío. A formación mantívose ata 2019, cando o grupo comezou a evolucionar cara a un ensamble modular, adaptando a súa composición segundo as necesidades de cada película, cun número de integrantes que varía entre dous e doce músicos.

Ao longo da súa traxectoria, ofreceron concertos en distintas partes de Galicia e España, ademais de realizar xiras por varios países europeos como Dinamarca, Estonia, Letonia e Hungría, entre outros. Cómpre destacar a súa participación na programación de The Urban Beach Cinema en Madrid, un dos maiores cinemas ao aire libre de España, onde durante máis dun ano interpretaron música en directo para películas mudas ante miles de espectadores.

En colaboración coa plataforma Tolemias, pioneira na distribución de concertos en streaming, o grupo impulsou un innovador proxecto que fusiona o cinema mudo coas novas tecnoloxías de gravación en formato multiángulo.

⚙ Configurar cookies
1.006992816925