A Sociedade Filarmónica de Monforte anuncia nova data para o concerto de Xingro’s Big Band

RibeiraSacraXa
Será o próximo 2 de decembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro
concerto-xigros-big-band-monforte
25 Nov 2025

A prestixiosa formación musical Xingro’s Big Band actuará o próximo 2 de decembro de 2025 ás 20:15 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, tras confirmarse unha nova data para o evento.

Nacida en 2015, Xingro’s Big Band xurdiu coa intención achegar ao público a música contemporánea e o jazz, explorando novas sonoridades dentro do formato clásico de big band. Dirixida por José Pérez Arias, a banda ten a súa sede no Conservatorio de Música Víctor Ureña de Redondela, na provincia de Pontevedra, onde realiza os seus ensaios habituais.

O grupo está formado por profesores e estudantes do Conservatorio Víctor Ureña e do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra, e conta cunha plantilla tradicional de big band: cinco saxofonistas (algúns tamén especializados en clarinete e frauta), cinco trompetas que alternan con fliscornos, catro trombóns que dobran en bombardino ou tuba segundo as necesidades do repertorio, e unha sección rítmica sólida composta por contrabaixo, piano, teclados, percusión e batería. Ademais, a formación complétase cunha voz feminina versátil e expresiva, capaz de abordar estilos que van desde o jazz e o pop ata o rock ou a música tradicional galega.

Desde a súa presentación no Centro Dotacional de Torroso, Xingro’s Big Band percorreu numerosas cidades de Galicia e España, actuando en escenarios como Teruel e Yecla. En 2025, tivo a honra de abrir o Festival de Jazz de Yecla no mes de setembro.

Ao longo da súa traxectoria, a banda desenvolveu unha intensa actividade nacional e internacional, compartindo escenario con formacións destacadas como a Big T Band de Tilburg, The River Aa Big Band de Veghel (Países Baixos), a Big Band de Teruel, a Big Band da Casa da Música de Chantada e a Big Band do Conservatorio de Carballo.

⚙ Configurar cookies
0.057097911834717