A soberanía alimentaria. Unha necesidade real
Por Pablo Veiga
Sen dúbida, estamos a vivir uns tempos convulsos, moi complexos e que albiscan un futuro inmediato impredecible e moi pouco propicio. A invasión de Ucraína por parte do exército ruso está a provocar morte e destrucción, o típico nunha guerra destas características, onde unha potente maquinaria armamentística tenta neutralizar e dobregar a un pobo que non quere desta vez axeonllarse ante os seus atacantes.
As imaxes que contemplamos nos medios de comunicación nas últimas semanas falan por si soas. As consecuencias desta intervención militar a grande escala estámolas a observar desde o primeiro día, visualizadas sobre todo neses centos de miles de refuxiados que cruzaron as fronteiras en dirección á Europa Comunitaria, que esta vez está a respostar de forma inmediata e cun nivel de implicación admirable.
Pero un conflito como este tamén afecta ó conxunto dos países europeos, e non soamente pola marea de persoas que están chegando, senón polo impacto no conxunto da economía. Porque desas terras, tanto de Rusia como de Ucraína, que distan a máis de tres mil quilómetros de aquí, ven o gas e tamén unha boa parte dos cereais que utilizamos para a elaboración dos pensos que alimentan a nosa gandería. Estamos asistindo por unha banda a un auxe desmesurado dos prezos e pola outra certa escaseza –que pode ser incrementada- dalgúns produtos. E aí estamos atrapados, aflorando as nosas deficiencias, en concreto, cubrir as necesidades primarias, as de alimentación. Porque resulta que en Galicia e no conxunto de España non se produce o suficiente millo, cebada, avea, centeo ou trigo para satisfacer a demanda real. Aquí preséntasenos unha enorme contradición que nos leva a preguntarnos se acaso nosoutros, os galegos, non somos quen de, nas nosas agras, campos e chairas, producir todos eses cereais; acaso non se cultivaron sempre e con aceptable éxito de colleitas… Son cuestións que se plantexan de maneira retórica, porque semella evidente que a resposta é Si. Entón, chegamos ata o concepto co que titulamos este artigo: Soberanía alimentaria. Non é de recibo que teñamos que importar millo para o gando desde Ucraína ou desde América, cando aquí existen condicións favorables para o seu cultivo. E o mesmo poderíamos dicir do trigo ou centeo para a elaboración do pan, si, pan do País, o de toda a vida. Ata a produción de xirasol tería probabilidades de ser rendible. Atesouramos unhas capacidades que non se están aproveitando.
Igual temos que deixar a un lado esa teima obsesiva de encher o monte de eucaliptos, repensar en ordear o Noso Agro e planificar con algo máis de xeito de cara o futuro. O sector primario é quen produce os alimentos indispensables para a supervivencia humana, de aí a súa importancia, polo que non se pode concebir un país sen esta parte esencial da súa economía. Quizais sexa este un punto de inflexión para dar un xiro de cento oitenta graos e sermos quen de modificar certas tendencias que non levan por bo camiño.
Pois a ver …