A sexta edición de QuiMedo chega con oito casas do terror e moitas novidades

O Concello de Quiroga acolleu este luns presentación da sexta edición do QuiMedo, unha das citas máis destacadas do Samaín en Galicia. O alcalde, José Luis Rivera, xunto cos organizadores e varios concelleiros, deu a coñecer as principais novidades dun evento que volve converter o municipio no epicentro do terror durante a noite do 25 de outubro.
A organización pechou o prazo de inscricións tras alcanzar os 1.200 participantes, aínda que se reservará un pequeno número de prazas que se poderán adquirir o mesmo día, dúas horas antes do inicio do percorrido.
O evento consiste nun túnel do terror que percorre o centro urbano de Quiroga e Pacios de Mondelo, composto por oito casas temáticas nas que máis dun cento de voluntarios se encargarán de poñer a proba o valor dos asistentes. As sorpresas non se limitarán ao interior das casas, xa que tamén ao longo do traxecto se poderán atopar escenas inesperadas.
Entre as propostas deste ano, a primeira casa leva o nome de “A Monxa”, ambientada nun convento onde “a monxa máis devota fixo un pacto coa escuridade”. Segue “O Espantallo”, que recrea “a maldición dunha vella granxa esquecida entre os montes”, e “O taller da morte”, un obradoiro mecánico no que “algo terrible aconteceu dentro e as luces seguen acendéndose cada noite”.
A cuarta proposta, “Piratas 2”, retoma a historia do barco afundido o pasado ano, mentres que “O Inferno” levará aos visitantes ás profundidades “onde o lume nunca se apaga”. A sexta casa, “O último de nós”, está inspirada no universo apocalíptico de The Last of Us e transcorre nun vello colexio da vila.
A experiencia máis intensa será “Mac Guarro”, descrita como a casa máis extrema do percorrido, na que os participantes poderán decidir o grao de interacción coas personaxes mediante un colar fluorescente. O itinerario rematará con “Survival. O Labirinto”, onde o reto será escapar antes de ser atrapado.
O pavillón municipal abrirá ás sete da tarde para a recollida de pulseiras e o inicio da festa infantil, mentres que o percorrido polas casas comezará ás nove e media. Durante tres horas, os grupos seguirán un mapa para evitar aglomeracións.
A xornada pecharase de novo no pavillón, coa “Horror Night” amenizada polo DJ Pablo, da Disco Móbil Dolce Vita. A organización quixo agradecer o apoio do Concello, dos voluntarios e dos numerosos visitantes que, ano tras ano, converten o QuiMedo nunha cita imprescindible para os amantes do terror.