A sétima edición do Festival do Viño de Monforte foi todo un éxito

Monforte de Lemos celebrou esta fin de semana a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que este ano contou coa participación de 30 adegas da Denominación de Orixe.
Ademais do viño, a gastronomía da zona estivo moi presente, con 12 postos que ofreceron os seus produtos aos visitantes. Houbo, ademais, diversos obradoiros e catas guiadas da man de expertos, así como actividades dirixidas aos máis pequenos.
A cita contou tamén con diversas actuación musicais, como a da cantante Lucía Pérez, a noite do venres, ou A Banda da Loba, que pecharon a noite do sábado.
O alcalde de Monforte, José Tomé, puxo en valor a importancia deste festival para a cidade, destacando que “o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial da Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos”, e destacou a importancia de “promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”.
Tomé subliñou que “esta mostra de viño, formada por adegas que representan ás distintas subzonas da D.O., reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que xira, entre outras cousas, arredor da cultura do viño”. O rexedor lembrou a importancia económica do sector vitivinícola e recoñeceu que, a pesar de “un momento de dificultade”, segue tendo “gran potencial” e continuará a ser apoiado dende o Concello e a Deputación.