A sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra regresa a Monforte do 4 ao 6 de xullo

RibeiraSacraXa
A edición deste ano contará coa participaciñon de 30 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
presenntacion-festival-del-vino-monfortee-2025
Presentación del VII Festival del Vino de la Ribeira Sacra de Monforte
1 Jun 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentou o cartel e o programa oficial do VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que terá lugar do 4 ao 6 de xullo no Paseo do Malecón.

Durante a súa intervención, Tomé destacou que se trata “dunha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”. Este ano participarán 30 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ofrecendo unha ampla variedade de viños nun entorno natural “tranquilo e confortable, como é á beira do Río Cabe”.

O rexedor afirmou estar convencido de que o festival “seguirá sendo un evento de referencia non só no sur da provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia e máis alá”. Subliñou que se trata “dunha cita imprescindible destinada a público de todas as idades”.
O cartel oficial desta edición está inspirado nas distintas fases do viño, desde o cultivo ata o consumo, e busca homenaxear a tradición vitivinícola da comarca.

A nivel organizativo, o deseño dos stands mantén a estética de madeira e tons naturais, incorporando elementos máis modernos como teas microperforadas e xardíns verticais. Este ano tamén se estrean os tokens como novo sistema de pago, en substitución dos habituais selos.
Outro dos cambios anunciados é a mellora nas salas de cata, que aumentarán o seu aforo a 35 persoas e estarán delimitadas con muros laterais para maior comodidade.

Ademais das catas e actividades vinícolas, o festival contará cunha zona gastronómica con 12 postos que ofrecerán produtos locais como queixos, xamóns, xeados e pratos elaborados por restaurantes de Monforte.

No eido musical, o venres 4 celebrarase a inauguración oficial con actuacións do grupo Searas e da cantante Lucía Pérez. O sábado 5 será a quenda de A Banda da Loba, nunha programación que busca conectar coa cultura galega a través da música.

O programa inclúe tamén obradoiros temáticos e unha masterclass a cargo de Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy. Todas as actividades de cata serán gratuítas pero con prazas limitadas e reserva previa.

Para os máis pequenos, haberá un espazo infantil con contacontos, obradoiros e teatro. E para os que queiran coñecer de preto a viticultura da Ribeira Sacra, organizaranse dúas Vinorutas polo Sil e o Miño, con visitas a adegas, paseos en barco ou zodiac, e catas guiadas. Estas actividades teñen un custo de entre 35 e 40 euros.
O alcalde subliñou tamén a campaña de promoción que se desenvolverá en toda Galicia. “Queremos atraer a milleiros de visitantes a Monforte e á Ribeira Sacra, para dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio”.

“Queremos promocionar o viño, a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fóra a que desfruten dun Festival do Viño único”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.15228891372681