A Sala de Exposicións Manuel María de Quiroga acolle a exposición de Alicia Aradilla
A exposición “O camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por alicia aradilla” poderá visitarse ata o 28 de abril na Sala de Exposicións Manuel María na Casa da Cultura de Quiroga.
Tras o asinamento do convenio de colaboración entre Afundación, ABANCA e o Concello de Quiroga abriuse ao público a mostra «O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla» nun acto ao que acudiron Julio Álvarez Núñez, alcalde de Quiroga; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano.
Julio Álvarez agradeceu poder contar con esta exposición no momento que estamos a vivir, “cando estamos con todo o énfase do mundo en potenciar o Camiño de Inverno e cando estamos en portas dun gran evento como é a Feira do Viño”.
Exposición
Trátase dunha exposición que recolle 30 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe que conta con máis de 125.000 seguidores en Instagram, Alicia Aradilla.
Está articulada en tres seccións, o Camiño, os camiñantes e Compostela con textos explicativos do doutor en Historia Feliciano Novoa.
A exposición ten como obxectivo promover o patrimonio cultural e natural e axudar a súa conservación. Pero ademais ten outra parte importante.
A exposición enmárcase na iniciativa ‘Cultura por alimentos’ que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.
A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.