A Ruta do Viño Ribeira Sacra lanza unha nova campaña para promover o turismo de inverno

A Ruta do Viño Ribeira Sacra puxo en marcha unha nova campaña baixo o lema “Ruta do Viño Ribeira Sacra; Refuxio de inverno, viño e calma” para posicionarse como un destino ideal para gozar durante os meses de inverno. Esta iniciativa combina accións de comunicación en medios coa organización de eventos promocionais, que comezarán o vindeiro sábado 31 de xaneiro.
A campaña destaca o inverno como un momento para descubrir a Ribeira Sacra desde unha perspectiva “máis íntima e auténtica”, afastándose das aglomeracións e favorecendo o contacto coa natureza, o patrimonio e a cultura vitivinícola da zona. Segundo os responsables da organización, esta época permite desfrutar do territorio cunha calma especial, degustar o viño sen présas e conectar dunha forma máis profunda coa terra.
Con esta iniciativa, a Ruta do Viño Ribeira Sacra busca desestacionalizar o turismo do viño na rexión, promovendo experiencias de calidade durante todo o ano. Entre estas inclúense visitas a adegas, catas comentadas, propostas gastronómicas adaptadas á tempada invernal e actividades culturais, que ofrecen as máis de corenta entidades que forman parte desta ruta, como adegas, museos, aloxamentos, restaurantes, enotecas e espazos naturais.
O próximo 31 de xaneiro celebraranse os dous primeiros eventos promocionais abertos ao público. En Chantada, na adega Vía Romana, levarase a cabo unha experiencia inmersiva que propón un percorrido guiado pola cultura do viño centrado no inverno e nas particularidades que vive a viña nesta estación. A xornada incluirá unha visita guiada con actividades participativas, cata de viños especiais, degustación de gastronomía típica de inverno e actuacións musicais, desenvolvéndose entre as 10:30 e as 14:00 horas. Xa pola tarde, na adega Adega Vella de A Teixeira, ofrecerase un auténtico escaparate de sabores e sons de inverno. O evento contará con visita guiada á adega, cata de viños seleccionados, degustación gastronómica e concerto, e desenvolverase de 17:30 a 21:00 horas.