A Ruta da Lagoa da Lucenza de Quiroga foi reparada dos danos ocasionados polos incendios
Rematáronse as obras de reparación dos danos causados polos incendios do pasado verán que afectaron á senda da ruta que vai desde o núcleo de A Seara ata a Lagoa da Lucenza en Quiroga. Os incendios queimaron todas as sinais informativas e o paso das máquinas e equipos de extinción de incendios danaron a zona.
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia aportou uns 19.000 euros e o Concello de Quiroga achegou o resto, ata os 25.000 investidos, que serviron para a reparación da plataforma, a sinalización da ruta, a recuperación de elementos danados e a colocación de novas sinais informativas e interpretativas que permitan a mellor comprensión do medio natural desta ruta.
Ademais, nesta ruta homologada pintouse unha nova sinalización mediante franxas paralelas e de distinta cor (branca e amarela) aproximadamente cada 50 metros, fíxose un refino e planeo do camiño coa correspondente apertura de cunetas, e colocouse unha mesa interpretativa (pendente do contido que se atopa en imprenta) conforme a indicacións do manual de sinalización turística da Xunta de Galicia, así como frechas indicativas de madeira tratada.
O Concello de Quiroga aproveitou tamén para reparar unha rúa no núcleo da Seara que fora danado por unha moto bomba que participaba na extinción do incendio.
Ruta da Lagoa Lucenza
A Ruta da Lagoa da Lucenza (PR-G 184), iníciase no pobo da Seara, e ascende polo val de Forgas, pasando polas fervenzas de Fócaro e de Navarega, ata chegar á Lagoa da Lucenza, de orixe glaciar e cuxa antigüidade remóntase ao pleistoceno.
Séguese ascendendo ata a Campa da Lucenza, a uns 1500 m de altitude, e enlázase con unha pista que recorre a parte alta destas montañas. Ao chegar ás proximidades do Alto de Formigueiros, desvíase por un sendeiro que nos levará de volta á Seara pola outra ladeira do val de Forgas.