A rúa Real de Quiroga acolle o vindeiro 27 de agosto o musical 'Camiñantes e Cantantes'
A Xunta de Galicia organiza 'Camiñantes e Cantantes', o musical dos Camiños de Santiago que chega a Quiroga o vindeiro martes, 27 de agosto.
A Ocaband será a banda sonora, mentres que Manuel Manquiña, Pepo Suevos e Pili Pampín guiarán o espectáculo musical que comezará ás 22.00 horas na rúa Real.
O grupo Camiñantes e Cantantes creouse no ano 2020 por unha serie de músicos galegos liderados por Xoán M. Paradela e Dani Dopazo, con inquedanzas para dinamizar a cultura popular e a lingua galega a través da música, tomando inicialmente como columna transversal do seu proxecto a música galega cun percorrido polas diferentes rutas por onde transcorre o Camiño de Santiago.
Os artistas que compoñen a agrupación son músicos e cantantes profesionais de contrastada experiencia no panorama musical galego, cunha dilatada carreira as súas costas. Esta agrupación conta, ademais, coa colaboración de diferentes artistas galegos de primeira liña popular galega, que asiduamente participan na programación da RTVG.
Colaboran como artistas invitados: Pepo Suevos, Manuel Manquiña, Eva Iglesias, Pili Pampín ou César Romero, actuando conxuntamente en varias pezas do repertorio, ou engadindo algún tema da súa propia produción.
Trátase dun espectáculo no que se conta mediante as cancións galegas máis populares e coñecidas dos últimos anos e a través dunha pantalla xigante sobre o escenario, as diferentes rutas xacobeas a Santiago de Compostela, vinculando as cancións ou os cantantes ás diferentes rutas. Un musical único (polo apartado musical, pero tamén polo audiovisual) que nacía no Xacobeo 2021 e quedou, chegando neste 2024 á cuarta edición.